Arquivos da etiqueta: María Reimóndez
María Reimóndez: “O mundo vexetal, que non entendemos, ten unha visión da existencia distinta á nosa”
Entrevista de Laura Veiga a María Reimóndez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cando publicou Cobiza xa tiña claro que ía existir unha segunda parte?
– María Reimóndez (MR): Si, en realidade cando escribín Cobiza, escribín máis do que está publicado, mais crin que era demasiado contido para un único libro. A historia estaba deseñada, por dicilo dalgunha maneira, mais parecíame mellor dividila nestes dous libros. Multitudes é unha continuidade directa de todo o que aconteceu na primeira parte, con elementos novos que van recompoñendo a historia e os espazos que en Cobiza non están tan aclarados, fíos que quedan do pasado e que nesta novela se van recollendo para coñecer máis. Por suposto, tamén avanza a trama seguindo esas liñas que quedaron abertas.
– ND: Se Cobiza explicaba a causa dos males deste mundo distópico, Multitudes presenta algunhas posíbeis solucións?
– MR: Si, digamos que Cobiza é o espazo onde se presenta a realidade e se dan algunhas pistas do que vai acontecendo, mais Multitudes é realmente a novela onde se exploran cales son as alternativas a esta realidade que se presenta. Dentro diso, hai unha complexidade de situacións e de estratexias, mais a clave é que é unha novela que se achega máis a esperanza.
Nas lecturas que fun facendo de Cobiza, e agora que foi traducida ao español e estou volvendo vivir ese proceso, doume de conta de que hai xente que se queda na parte do horror. Con todo, tamén é certo que a maioría de persoas saben ler xa en Cobiza ese xermolo da esperanza. En Multitudes xa é algo que se explora aínda máis. É unha novela que ten máis acción, non no sentido dos filmes estadounidenses, senón no sentido da materialización da esperanza, de como se formulan as distintas maneiras de actuar e de abrirnos as portas a outros personaxes que parecían máis secundarios, mais que agora teñen un papel relevante.
É unha novela polifónica e evidentemente todos os seres que aparecen, sexan humanos ou vexetais, teñen a súa propia personalidade e perspectiva sobre as cousas, polo que tamén hai múltiples posturas sobre o que se debe facer nunha situación como a que se presenta. En Cobiza xa temos posicionamentos, por exemplo, o de Luz Divina, o que ela pensa que ten que facer, e de feito faino coas consecuencias que iso ten para todo o mundo. E despois, cos seres completos, que foron evolucionando cada un á súa maneira porque partían dunha base distinta. Tiñan a súa propia personalidade, dentro da conexión que teñen, mais tamén foron entrando en contacto con distintas realidades humanas, porque tampouco hai unha soa. (…)”
María Reimóndez: “A multitude é a suma das disidencias, nada que ver coas masas fascistas”
Entrevista a María Reimóndez no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Os ósos, destoutro lado, xa nada somos, máis que voces e verdades, sen palabras, dores, só sentido. Entre as palabras de Multitudes ás veces nacen poemas. Multitudes é a última novela de María Reimóndez. Unha obra que nos leva a un futuro distópico en que, tras un Grande Apagamento, as mulleres humanas e os seres vexetais terán que enfrontarse outra vez contra a discriminación e o abuso. A historia comezouna con Cobiza e Multitudes parece poñerlle un fin. A entrevista pode verse aquí.”
Vigo: presentación de Multitudes, de María Reimóndez
Vía Rosalía – Rosalía como inspiración con Najla Shami e María Reimóndez
Sobredo e Tui: actos de conmemoración do centenario dos Sucesos de Sobredo, os 27 e 28 de novembro
“No día 28 de novembro de 1922, hai cen anos, producíronse os Sucesos de Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, no concello de Tui. Neles, por disparos da Garda Civil, perderon a vida a labrega Cándida Rodríguez González, natural de Pazos de Reis, municipio de Tui e os labregos Venancio González Romero, natural de Budiño e Joaquín Estévez Besada, natural de Soutelo, ambos os dous do municipio de Salceda de Caselas, e mais dunha ducia de persoas resultaron lesionadas ben por feridas de bala ou contusións diversas, cando participaban nunha concentración solidarizándose cun veciño da localidade que non pagou rendas de foro e opóndose ao embargo xudicial de bens por dito impago.
Para conmemorar a efeméride destes tráxicos acontecementos o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) vén organizando diversas actividades. Unha delas foi instar do Parlamento de Galicia unha “Declaración de recoñecemento ao agrarismo galego“, que foi dada a coñecer na sesión do Pleno do Parlamento, do 23 de novembro (achegamos enlace).
Pola súa vez, prográmanse actos de conmemoración, nos días 27 e 28 de novembro, que se indican de seguido:
No 27 de novembro (domingo) a partir das 11:00 hs: Acto de conmemoración do centenario dos Sucesos de Sobredo; achegase programa.
No luns, día 28 de novembro, data do Sucesos de Sobredo:
Ás 17:00 H (cinco da tarde), en Tui, na confluencia coa Av. da Concordia, acto de descobrimento da placa que da nome á “Rúa Mártires de Sobredo“.
Ás 19:00 H (sete da tarde), na sala de conferencias do edificio Francisco Sánchez (antiga área panorámica):
– Conferencia polo historiador Bieito Alonso, “Sobredo na memoria“.
– Interpretación musical de Samuel Diz.”




































